Aínda nesta distancia, sempre é interesante estar informado sobre Galicia e a parte hispánica da Península Ibérica. E como non teño nin quero na casa nin “queibol” nin “dish”, a única fonte recorrente é sempre a internet.
Vexo ou escoito diferentes canles e distinta programación dependendo do meu estado de ánimo ou do ben que funcione nun momento determinado esta ou aquela emisión. Cando quero mosquearme un pouco vexo a Televisión Española ou escoito a Cadena Ser, se quero poñerme verdadeiramente de mal humor –porque, por raro que pareza, ese estraño fenómeno a min tamén me pasa– vexo Intereconomía (aínda non tiven a valentía de enfrontarme a 13TV) ou escoito a Cadena Cope. E se o que busco é pasar un bo rato, saio de inmediato deste tipo de páxinas in ou desinformativas e navego por outras augas máis confortadoras.
Hoxe, deixando correr o tempo no apartamento, ao mesmo tempo que planeaba por Nova York unha tormenta de neve con nome de personaxe de Xulio Verne, non sei na procura de que sensación, tocoulle o turno á Radio Galega.
Non estivo mal, escoitei a sua A crónica das nove da noite e foron todo noticias magníficas: acordo para que Galicia reciba 2000 millóns de euros procedentes de Europa, espera de partidas extra desde o goberno central con máis euros para outros menesteres, carga de traballo para Citröen e as pymes da área, rebaixas na peaxe nalgún tramo das autopistas, recuperación da figura dos aprendices para reducir o desemprego xuvenil, a bolsa sube, a prima de risco non se move e, para maior xúbilo, o balance de contas do PP mostra un superávit de millóns de euros. Estas alegrías engádense a unha influencia anticiclónica que nos regalará claros matutinos nesta grandiosa fin de semana.
Parece que o único que non vai ben en Galicia e a clasificación do Celta e do Deportivo na Liga española de fútbol…e aínda así non está todo perdido: eu penso que podemos soñar con Europa, e sendo algo optimistas, ter aos dous equipos galegos na Champions o próximo ano.
E mentres tanto eu, aquí, a máis de 5200 kilómetros, sen poder disfrutar de tanta bonanza e sufrindo esta nevada…

“Entrevistas de traballo” no aparcamento (Hempstead, New York)
Tamén na Costa Oeste:

Orange (California).

Glendale (California).

Unha “troca” ben acondicionada.
Se dás un paseo cediño por calquera cidade sempre podes ver nalgún lugar aos ilegais esperando apoiados ou rondando algunha parede dalgún edificio, nalgunha esquina, esperando a chegada do patrón. Ese home reclama, recolle e mete na troca, como así lle chaman, aos que necesita para ese día e os leva a unha desexada pero dura xornada laboral de entre dez e doce horas. Págalles uns $9 por hora, aínda que hai estados nos que estes latinos –case todos son desta procedencia– cobran a insignificante cantidade de $5 (non te esquezas, aquí un café costa $3.50 nun Starbucks e un tinto perreiro non baixa de $8). E os que cobran, sexa máis ou menos, son os afortunados.
Para moitos dos desafortunados que non conseguen o traballo do día (dinlles day labourers) sempre queda o alcohol como refuxio. Beben e beben, cervexas e máis cervexas, Corona, Modelo ou Pacífico. Os pobres agarran unhas cheas dolorosas que teñen a contrapartida de permitirlles esquecer ou pasar por alto, por unhas horas, todas as súas miserias. E mañá xa será outro día.
E a vida segue. E os “brancos” non os ven. Agora xa non. Víronos, miráronos, e pouco a pouco, co día a día, deixaron de velos. Un coñecido, millonario do pobo onde tiña a casa Whitney Houston –e alí segue a casa–, en Mendham, New Jersey, díxome un día cando chegou á súa propiedade un grupo de xardineiros, que el nin se decataba cando entraban e traballaban, e iso que eran uns seis homes…Outra, muller dun reputado profesor de linguas eslavas que pasou con éxito polas tres grandes universidades da Ivy League, comentábame que os ilegais eran unha necesidade, que quen ía estar disposto a facer ese tipo de infratraballos por semellantes estipendios…que ela estaba totalmente a favor dos ilegais, pois claro! mellor así, telos a todos ilegais. A muller, as fins de semana, axudaba a paliar a fame dos afroamericanos de Trenton, New Jersey, nun acto demostrativo da súa hipocresía.
Aquí non cuestionan a legalidade, senón a necesidade desa man de obra casi regalada ou, no peor dos casos, que os ilegais son xente que se aproveita do sistema pois non pagan impostos (aínda que algúns ilegais incluso declaran impostos). E mentres, a policía, que coñece sobradamente a situación nas rúas, dáse un paseo efectista ao ano para saír na primeira páxina do xornal local, tamén unha vez ao ano, coa captura e deportación dun par de salvadoreños.
Desde os últimos anos é corrente a busca dunha localización estratéxica para atopar ese tipo de traballos. Cal pode ser o mellor lugar para que chegue o patrón e se poida traballar ese día? Pois Home Depot, o xigante da venda de material de construcción, onde o patrón busca e compra os suministros e ferramentas. Unha técnica que utilizan os ilegais é recoller todos os carros da compra que andan polo aparcamento coa fin de que todos os clientes se vexan obrigados a pasar preto deles . E alí están, ofrecendo os seus servizos porque o home necesita tantos sacos de area, tantos puntais de madeira, tantos discos para a serra circular e, claro, tantas mans para manexalos.
Despois de observar esta patética imaxe no Home Depot de Freeport, NY, pensei que unha idea moi boa, e beneficiosa para ámbalas dúas partes sería a incorporación dos ilegais dentro do stock da tenda e vendelos como material de construcción. Boa para os ilegais, pois así, amparados na calefacción do establecemento, non pasarían un frío de carallo cando esperan a chegada do patrón, e moi boa para este último, que podería arrendar os traballadores dentro do mesmo centro onde compra o resto de material. Ademais así tería a oportunidade de beneficiarse das ofertas da semana: – James, non collas hoxe aos guatemaltecos que no folleto di que o sábado poñen aos mexicanos de oferta! – Xa Mike, pero é que os guatemaltecos andan hoxe a dous por un…
Resultaría paradóxico que, tal como van as cousas, en poucos anos os desgraciados inmigrantes serían da pouca mercancía na tenda que non viría do mercado chinés. Ou serían tan inxeniosos os chineses como para facer ilegais en cadea? Non importa. De todos os xeitos a idea non funcionaría porque neste país tan legal é ilegal vender ou arrendar material de importación sen pagar os correspondentes impostos…É ilegal arrendar ilegais legalmente…
Unha das fallas, ou dos problemas que lle encontro ao cine de Pedro Almodóvar é que algunhas veces non chego a asumir o uso excesivo da coincidencia como parte vertebral da trama. Sen embargo, na miña vida real, unha casualidade miragrosa, polo que ten de boa, sucedeu hai uns meses e por sorprendentes razóns onomatopeico-animais.
Estando nunha desas tendas de descontos tan comúns e que tanto me gustan en Oceanside, NY, chamada T.J. Maxx, paseaba co meu neno por un dos pasillos intentando ser un bo bargain hunter (cazador de gangas, como lle chaman aquí), e o neno comezou a chorar ao estar un pouco canso de tanto tiro fallido –a quen se lle ocorre ir de caza cun neno?–. Ao mesmo tempo, ollei unha muller noutro dos pasillos acompañada dun egrexio asistente de caza que podería funcionar para calmar os choros. O can, un pequeno yorkshire, que ten por nome Peek-a-boo (pronunciado picabú), expresión inglesa usada para xogar cos nenos equivalente ao noso cu-cú, convertiuse na chave desta historia.
Nun país onde os cans din woof (non guau), os galos cock-a-doodle-doo (non kikiriki) e os paxaros tweet, tweet (non pío, pío), cando o neno denominou ao can co típico “un guau guau”, a muller pensou instantaneamente que o que falaba tiña como lingua materna o español. Preguntoume en español que de onde era, e eu contesteille, en español, “gallego”, e ela dixo que tamén, que era de Coruña (aínda que en realidade era da Costa da Morte). Pregunteille que onde vivía e resulta que eramos da mesma área neoyorkina. Ao notar a miña procedencia ela e a súa filla, xa nacida en New York, comenzaron a falar galego e deixaron o castelán para outro momento de necesidade. E desde ese día, gracias aos choros dun neno e a Peek-a-boo, somos como da familia.
Unha semana despois, tras coñecernos mellor, e despois de ser invitados a unha churrascada na súa casa, leváronnos ao Círculo Español de New York (que a pesar dese nome, por referencias, é tan ou máis galego que a Casa de Galicia, tamén en New York). E foi alí onde descubrín un novo espacio e unha nova lingua.
Cando se abriu a inmensa porta de dúas follas que dá paso a unha ampla entrada, o inglés e todo o americano difumínanse ou intentan ser suavizados entre todos os movementos e actividades da xente. O castelán concéntrase nalgunhas persoas que van simplemente ao restaurante, mentres que o galego é o idioma vehicular da maior parte dos socios e habituais que están no comedor, na cafetería, na entrada ou fumando un pitillo no exterior.
Ceamos ben e conversamos tamén moi ben. Nun momento, falando con ese acento tan característico da Costa da Morte, Antonio comentou que tiña que pasarlle unhas camisetas a Vanessa, outra filla de galegos, pero que sería ao día seguinte, e ela contestou: Tomorrow! Tomorrow, árdelle o eixo! Eu que tanto tiña lido sobre o spanglish estaba escoitando unha nova variante oral (non tan acusada) de linguas en contacto. O que estaba oíndo, seguindo o mesmo proceso formativo de spanglish, chamaríase algo como galiglish, galiciglish ou galicianglish (de galician e english), aínda que a min –xa que ata creo que estou acuñando unha etiqueta dun concepto quizais desatendido– gústame máis galeglish. Saímos e Antonio falou dun lugar onde unha vez lonchou moi ben, nova creación e confirmación do proceso interlingüístico entre galego e inglés.
E así foi como ademais do galeglish, era interesante ver o distinto estatus do galego na distancia. É estraño notar unha realidade tan distinta respecto á Galicia-oxímoron onde hai asociacións bilingüistas de radicalismo monolingüe, defensores da liberdade lingüística que resultan ser opresores e acomplexados lingüísticos no século XXI. Un lugar de exilio purificador, onde a presión do castelán non existe, onde a lingua propia deixa de estar estigmatizada. Onde o galego é libre por estar lonxe, por contradictorio que pareza.
(Dedicado aos Cambeiro, aos Lago, e a tantos e tantos galegos que deixaron a Terra pero conservan a identidade mellor que algúns que non son merecedores de estar nela).
Chegar a un país despois de estudar a súa lingua durante máis de oito anos e decatarse de que un non entende practicamente nada non é unha sensación moi grata. Primeiro golpe. Descubrir, despois de estar meses nese lugar, que o avance nas destrezas lingüísticas non é o esperable, ou o que che relataran por experiencia outras persoas, é bastante traumático. Uppercut á mandíbula. Notar que, despois de quedar plenamente satisfeito tralo teu discurso, os oíntes poñen cara de “sorry, non teño nin idea do que queres dicir”, tira polo chan toda esperanza. Knock out.
Sen embargo, pronto descubres que todo é un mito: “O mito do perfeccionista dunha lingua foránea cunha estancia no estranxeiro dun par de meses”. Non, non é que eu fora torpe cos idiomas anglosaxóns –que o son– e tampouco é que non lle puxera empeño á aprendizaxe, o que hai é moito farsante que volta a terra presumindo de bilingüe ante xente que non o é. Nun mes podes ver moitos museos e lugares, pasalo moi ben, coñecer moita xente, e incluso chegar a entenderte e comunicarte con ela pero, nin por asomo, dominas ou “perfeccionas” o idioma.
Despois desta pequena introducción aclaratoria, imos coa historia e anécdota, que son dúas mesturadas cun marcado tono traxicómico.
Aínda despois de moitos anos por aquí, hai momentos nos que, nunha conversa en inglés, se algo sae ou se distancia do contexto (ese contexto sempre aliado do falante non nativo) cuestionas se entendeches ben ou non o que dixo o teu interlocutor.
E foi que un día, estando nunha reunión informal, unha das persoas presentes comentou se iamos ir á conferencia da tarde. Dixo en inglés [traducción literal]: “hoxe unha escritora ven presentar un libro autobiográfico sobre a súa vida tras o caso da agresión que tivo na autopista Sunrise cun pavo conxelado”. En inglés: “the frozen turkey assault case”. A miña reacción foi, tendo en conta que a muller mostraba tristeza, de empático sentimento: “non sei moi ben o que me dis pero se ti pos esa cara eu correspondo” (sempre funciona). Por outro lado a sensación era de estrañeza. Dicíame para min: “a saber que dixo esta muller…Ata onde eu entendín, hoxe pola tarde hai unha conferencia dunha muller que ven falar dunha agresión e do seu trauma posterior”, o que non me parecía moi lóxico era que o culpable fora un pavo conxelado. Obviamente, pensei, era un malentendido lingüístico.
De volta a casa pola mesma autopista Sunrise donde se producira o suposto suceso non parei de pensar nel. Non, non podía ser…anque se vían cousas tan raras…E seguín dándolle voltas a cabeza buscando dúas palabras de pronunciación similar para darlle algún sentido a aquela frase. Cando cheguei ó apartamento, por curiosidade fixen unha rápida búsqueda no Google, e Voilà!, moi boas novas, a miña comprensión do inglés fora a correcta, e malas, a historia do pavo conxelado era totalmente verídica:
O día 12 de novembro do 2004, uns días antes do famoso Thanksgiving, Día de acción de grazas ou do pavo, no condado deSuffolk, en Long Island, New York, un pavo conxelado de 20 libras (casi 10 kilos) foi lanzado desde un coche contra outro que viña en dirección contraria. A conductora deste último vehículo recibiu o pavazo na testa despois de que o cadáver ultraxélido do animal traspasara violentamente o parabrisas. Previamente, cinco rapaces compraran a arma biolóxica nun supermercado pouco despois de roubar unha tarxeta de crédito. Suffolk County, o condado donde veu á vida Walt Whitman, acababa de perder para min todo o seu encanto poético.
A agredida, Victoria Ruvolo, estivo varios días en situación crítica e durante case un mes en coma nun hospital. Esa é a parte tráxica nesta historia dunha muller que anos despois, e portando tres placas de titanio na cara, perdoou ao(s) seu(s) agresor(es) no correspondente xuizo. Por certo o libro títúlase No Room For Vengeance, e foi presentado o 31 de xaneiro de 2012 en Rockville Centre, New York, cunha boa presencia de público.
Bos días, boas tardes ou boas noites, pois desde onde un escribe temos que facer cálculos para saber se é pola mañá, pola tarde ou xa está entrada a noite, e se é a hora do almorzo, do xantar ou da cea nas terras galaicas. Ao revés ocurre o mesmiño. Non sería a primeira vez que chaman por teléfono a casa desde Galicia para contarche que “alguén me dixo que dixera non sei quen que…” Que que!, Que me importa a min? Que son as catro e media da mañá! Pero tampouco podía berrarlles enérxicamente porque poderían contrarrestar a invectiva dicindo que eu os chamara outro día ás tres da mañá para falar sobre os resultados das últimas eleccións (aínda que calquera hora para falar sobre ese tema sería inoportuna), xa que para min eran só as nove da noite.
Bueno, deixando estas sinxelas cuestións de husos horarios internacionais, o blog que hoxe comeza leva por título “Entre [dúas] augas”, por iso de estar entre as augas dun mesmo océano que nos separa, aínda que cunha distancia de máis de cinco mil kilómetros. Demasiada distancia neste Atlántico Norte que nos fai ben distintos, a nós e ás augas. Si, os gringos son considerados “occidentais” pero, como dicía un coñecido e examigo, únicamente o son porque nos confunden cunha indumentaria moi similar á nosa (e tanto, porque fomos nós os que os copiaron e seguimos copiando).
Agora, a destempo, preséntome eu, con seudónimo pero non falsamente. Son Waldo, un caso máis dos emigrantes ou expatriados galegos nos Estados Unidos. O tema do blog serán as anécdotas cotiás, as sorpresas que cada mañá me atopo polas rúas e estradas de New York, os choques culturais que ocorren, e con ámbolos dous conductores afectados.
Por suposto, New York é moi grande pero penso que a maior parte das historias e casos que aquí aparecerán poderían suceder tamén ao longo de calquera día en, por exemplo, Grand Island, Nebraska, ou sexa, “in the middle of nowhere”, esas e moitas máis, divertidas ou non tan divertidas. Hai historias para dar e tomar, entre as visións que ten un galego cando chega, se asenta e vive nos EEUU, ata as contradiccións que se lle presentan a un nativo dese país cando pasa simplemente uns días no noso.
Os americanos, norteamericanos, ou mellor, os estadounidenses (non lle intentes nunca explicar a un estadounidense que o termo americano non é o apropiado para designar aos habitantes de Estados Unidos), aínda que poderíamos espetar que nin o termo estadounidense é axeitado porque hai outros países que tamén son Estados Unidos (sirva como exemplo Estados Unidos Mexicanos), pero éche o que hai. Eles apropiáronse –entre outras moitas cousas– de termos como “estadounidense”, que ten un pase, “norteamericano” (porque canadianos e mexicanos, e dálle cos mexicanos!, tamén o son) e “americano”, que chega desde Canadá ata Tierra de Fuego. Bueno, funme polas pólas…Dicía que os estadounidenses son xente que se aburre, aburrénse moito, e a mellor forma para combatir o aburrimento é divertíndose dos xeitos máis insospeitados. E nós aquí temos outro modo máis de divertirnos, simplemente contemplando como viven e se divirten eles.
E así empezou este blog, con cuestións sobre as horas e os nomes de países e nacionalidades. Parece que a deformación profesional é crónica. Empecei a escribir e acabei valéndome de temas comúns nos capítulos iniciais dos libros de texto de cursos de segundas linguas, pero esa será outra historia.